Friday 03 de May de 2024

A alcaldesa reivindica o coruñesismo “libre e inconformista” de Luísa Villalta no día de Todos os Santos


Inés Rey: “Os seus versos expresaron con fonda paixón o seu amor á cidade mais tamén un ansia de rebeldía irrenunciable”

A alcaldesa recordou tamén aos pasaxeiros do voo 118 de Aviaco, con motivo do 50 aniversario da traxedia aérea de Montrove

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá, mércores día 1 de novembro, a tradicional ofrenda floral de Todos os Santos no cemiterio municipal de Santo Amaro. A rexedora, que estivo acompañada por membros do Goberno local e da corporación, realizou a primeira parada diante da Cruz dos Esquecidos onde a coral Follas Novas interpretou dous temas. Destacou o Cemiterio de Santo Amaro como “xoia patrimonial e emocional da Coruña” e dedicou unhas palabras ás vítimas civís das guerras en marcha: “A Coruña non é allea a nada do que pasa no mundo, somos unha cidade plural, solidaria, tolerante e pacífica e quero aproveitar este acto para lembrar ás vítimas civís que estos días sofren Ucraína, Israel e Palestina”.

Rey reivindicou o coruñesismo “libre e inconformista” de Luísa Villalta, persoa homenaxeada polo Concello no día de Todos os Santos. “Os seus versos expresaron con fonda paixón o seu amor á cidade mais tamén un ansia de rebeldía irrenunciable” explicou.

A alcaldesa, acompañada por María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da poeta, deixou un ramo de flores fronte á tumba de Luísa Villalta, figura escollida pola Real Academia Galega para a conmemoración das Letras Galegas 2024, cando se conmemora o 20 aniversario do seu falecemento.
“Poucos lugares como este San Amaro, desde o que nos mira a Historia e o Atlántico, converten en visión concreta aquela preciosa definición que fixo Luísa da Coruña cando a defininiu como cidade tatuada na pétrea pel do mar”, sentenciou Rey. Ao acto solemne tamén se achegaron outros familiares e amizades de Luísa Villalta así como veciños e veciñas para lembrar á escritora coruñesa.

A alcaldesa recordou tamén aos pasaxeiros do voo 118 de Aviaco, con motivo do 50 aniversario da traxedia aérea de Montrove. “Desde hai case dez anos, grazas á iniciativa das familias, as vítimas son recordadas cun monumento neste cemiterio de San Amaro e hoxe a cidade volve lembralos 50 anos despois da gran traxedia” sinalou a alcaldesa, quen dispuxo unha coroa de loureiro sobre o monumento.

O acto concluíu coa homenaxe aos Mártires pola Liberdade, en recordo a todas as vítimas do franquismo na Coruña.